A exposición Despunte’26 amosa o talento emerxente da EASD Mestre Mateo

25 02 2026 | Novas

A Fundación Eugenio Granell acolle do 26 de febreiro ao 15 de marzo a exposición Despunte’26, unha mostra que reúne os proxectos finais do alumnado da EASD Mestre Mateo (Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo) de Santiago de Compostela. A mostra inaugurarase o 26 de febreiro ás 18:00h e permanecerá aberta ao público de martes a venres en horario de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas, e os sábados de 10:30 a 14:30 horas.

A través de obras que dialogan entre tradición e contemporaneidade, abórdanse cuestións como a identidade, a memoria, o territorio, a sostibilidade ou a innovación social. Escultura en metal e mármore, xoiaría conceptual, proxectos fotográficos de mirada crítica e propostas de deseño de produto centradas na persoa usuaria conforman un percorrido plural onde o proceso creativo, a investigación formal e o compromiso co presente son eixos fundamentais. Esta exposición funciona como a antesala técnica e artística imprescindible para entender a dimensión do traballo realizado nas aulas.

O proxecto Despunte naceu no ano 2009 coa firme vocación de compartir coa cidadanía a creatividade e a excelencia do noso centro. O que comezou como unha pasarela para o Grao en Deseño de Moda, que actualmente está moi consolidada, deu un paso decisivo hai dous anos coa creación da exposición Despunte: unha extensión necesaria para sacar á rúa o traballo daquelas especialidades que, pola súa linguaxe técnica e artística, precisaban dun formato expositivo propio. Hoxe, Despunte fúndese nunha experiencia única onde a exposición, o desfile e a gala se complementan e se retroalimentan. Esta simbiose permite proxectar o talento do alumnado do Grao en Deseño de Produto, así como dos Ciclos Formativos de Grao Superior en Técnicas Escultóricas, Xoiaría Artística e Fotografía, creando un diálogo directo coas propostas do Grao en Deseño de Moda
que se verán na pasarela.

Con Despunte’26, a EASD Mestre Mateo reafirma o seu compromiso coa proxección pública do traballo académico e coa creación de pontes entre o ámbito educativo, o tecido cultural e a sociedade, consolidando esta cita como un dos principais escaparates do novo talento creativo galego.

Axenda