Ana García Martínez, estudante de Deseño de Moda. Mobilidade de estudos en University of West Bohemia (Pilsen, República Checa). Curso 2022/23

22 05 2023 | Blog Erasmus

A miña experiencia Erasmus foi en Pilsen, unha pequena cidade preto de Praga que é coñecida sobre todo pola fabricación da cervexa e a súa gran industria. Aquí os invernos son moi fríos, polo que durante un par de meses vivín rodeada dun paraíso de neve e preciosos lagos conxelados nos que se ven postas de sol impresionantes. É unha cidade universitaria chea de residencias e pisos de estudantes, e o campus ten unhas instalacións cómodas e funcionais. En especial, a facultade de artes e deseño ten todo perfectamente estudado para facer dela un espazo creativo e perfecto para compartir ideas e proxectos. Dende as tonalidades do edificio, a estrutura ou a división das aulas, está todo perfectamente pensado para inspirar e crear. Ademais, a dinámica das disciplinas funciona de xeito moi distinto ao que estamos acostumados, pero dende o meu punto de vista, é moito máis efectivo e libre para imaxinar. Isto axudoume a coñecer máis a parte profesional na que me gustaría enfocarme.
Ao ser un país situado no centro de Europa e con moitísimas comunicacións, tiven a oportunidade de viaxar con gran facilidade a distintos países, pero tamén dentro da República Checa, visitando os pobos con encanto que caracterizan a zona.
Pero para min, a mellor parte foi ter a oportunidade de compartir esta experiencia con xente de lugares e culturas tan distintos.
O Erasmus é unha gran oportunidade en moitos aspectos, polo que recomendo que todo o que teña a oportunidade de vivir esta experiencia tan única se decida a facelo.