BOLSAS FOTOGRAFÍA | Convocatoria de bolsas da Xunta de Galicia en colaboración coa Fundación MOP para o programa MA Photography no Royal College of Art (Londres)

12 05 2026 | Novas

A Xunta de Galicia vén de publicar a resolución do 11 de maio de 2026 pola que se convocan catro bolsas para realizar estadías no estranxeiro. Esta iniciativa, desenvolvida grazas a un convenio de colaboración coa Fundación MOP, facilitará que as persoas seleccionadas se integren, durante o primeiro trimestre do curso académico 2026/27, no programa formativo MA Photography do prestixioso Royal College of Art, en Londres.

 

A quen vai dirixida a convocatoria?

Esta oportunidade está dirixida de xeito específico ao alumnado que, no actual curso 2025/26, finalice o segundo curso do ciclo formativo de grao superior en Artes Plásticas e Deseño en Fotografía na nosa escola ou noutros centros dependentes da Consellería. É un requisito indispensable ter superados os dous cursos completos de dita titulación antes do remate do prazo de inscrición.

Requisitos e documentación a presentar

As persoas interesadas en participar no procedemento deberán achegar a seguinte documentación para formalizar a súa candidatura:

  • Certificación oficial que acredite un nivel de competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa.
  • Currículum vitae actualizado.
  • Portfolio cunha selección representativa de traballos previos.
  • Documentación gráfica correspondente a un proxecto de fotografía, que pode ser un xa realizado con anterioridade.
Prazos e lugar de presentación

O prazo para inscribirse permanecerá aberto dende o 18 ata o 30 de xuño de 2026, ambos os dous días incluídos. A documentación e o formulario anexo deben entregarse directamente na secretaría do noso centro.

Proceso de selección

O procedemento de adxudicación constará de dúas fases: en primeiro lugar, efectuarase unha preselección das oito mellores candidaturas, baseada na avaliación obxectiva de méritos lingüísticos, académicos e técnico-artísticos. Posteriormente, as persoas seleccionadas realizarán unha entrevista persoal en Santiago de Compostela o día 21 de xullo de 2026, na que se valorará especialmente a presentación do proxecto fotográfico, así como o coñecemento e interese pola fotografía de moda.

Máis información: https://www.edu.xunta.gal/portal/node/49847

Axenda