O pasado sábado deuse por finalizada a 5ª edición da Residencia de Creadores e creadoras emerxentes – Encontros de Mariñán, e o venres presentáronse os proxectos realizados por tódolos participantes.
A EASDMM colaborou con cinco traballos, implicándose ademais na actividade xeral do evento e con outras escolas e universidades:
- Mónica Dolán participou coa súa obra “Francisco contra Francisco. O presente do Tesouro”, un traballo de labra en madeira e reinterpretación filosófica.
- Zeltia Martínez foi a artífice da obra “Cal é o motivo deste soportar”, un proxecto de reinterpretación figurativa conceptual en metal inspirado na obra de “A Santa” de Francisco Asorey.
- L. Federico González presentou a súa obra “Dor e acción”, un traballo de modelado en arxila que constitúe unha representación libre do rostro e unha man da “Virxe da Dor” de Francisco Asorey.
- Khalid Benkaroum foi o creador de “En busca do Tesouro”, unha obra pictórica sobre lenzo, en técnica mixta, onde representa coa súa visión particular e actual unha emigración con perspectiva de futuro en busca dun tesouro con mensaxe oculta.
- Tamén se realizou unha obra colectiva por parte algúns dos participantes da EASDMM: Mónica Dolán, L. Federico González, Khalid Benkaroum e o seu mestre Manuel Delgado-Gambino. Baixo o título “Tótem Galaico”, realizaron unha construción modular con tocóns recuperados onde o transcurrir do tempo transformou e modula a materia en formas, elementos, texturas… que se aproveitan coa montaxe e engadidos pétreos para dar lugar a unha linguaxe visual entre a madeira e a pedra, en relación coa temática do encontro.
- No que atingue a outras actividades e colaboracións, a EASDMM participou de diferentes formas: como modelos para maquillaxe corporal nunha colaboración con Deseño Gráfico da EASD Pablo Picasso, no pintado de indumentaria, tamén coa EASD Pablo Picasso, na construción escenográfica, neste caso coa Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, ademais de en diferentes proxectos coa Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, entre outros.
- O mestre Manuel Delgado-Gambino colaborou ademais co equipo de coordinación do evento.
Parabéns a toda a organización dos Encontros e a todas/os participantes.
–
Deixamos por aquí un vídeo resume da actividade da V Residencia de creadoras e creadores emerxentes Encontros de Mariñán, realizado polo alumnado da Escola de Imaxe e Son: Ana Castro, Alba Teijeiro, Brais Pérez e Lara Herrero. Graciñas aos catro por deixar testemuña desta fantástica experiencia: