VISITAS | O alumnado de Deseño de Produto asiste á xornada “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego”

27 09 2024 | Uncategorized

O alumnado de 2º e 4º de Deseño de Produto asistiu onte na Cidade da Cultura á xornada “Da idea ao resultado. Casos de éxito do deseño galego”.

Durante a xornada o alumnado puido coñecer de primeira man 5 experiencias de implementación do deseño en diferentes negocios. Segundo recollía onte a Axencia Galega de Innovación, estas cinco experiencias proceden de cinco empresas beneficiarias da liña de axudas #DeseñaPeme da Xunta:

Pepe Formoso, propietario do Hotel Bela Fisterra, presentou o seu próximo proxecto, co apoio do programa DeseñaPeme: a Belissima Terraza, coa identidade visual de Xosé Teiga, a primeira colección de mobles de exterior de Isaac Piñeiro e a piscina deseñada por Creus e Carrasco.

Javier Herranz, de Siete Olas, avanzou algúns detalles do novo proxecto de Fina Rei, unha liña de produtos de chocolate deseñados por escultores galegos. Esta nova liña de produtos, creada co apoio de DeseñaPeme, será presentada no mercado en outubro.

Óscar Torres, responsable de márketing de Orballo, asegura que o deseño é o vehículo para dotar os seus produtos de valor engadido. A súa forma de medir o impacto do deseño inclúe indicadores como o incremento nas vendas e na distribución, a mellora do recoñecemento de marca, a diferenciación, o aumento no catálogo de referencias e a mellora na usabilidade do envase.

Manuela Buján, de Porto-Muiños, destacou que o deseño foi clave dende o nacemento da empresa para dar a coñecer un produto tan descoñecido no sector da alimentación como eran as algas mariñas. A empresa prepara unha nova liña de produtos e que será presentada proximamente.

Juan Bastante, de Revertia, expuxo o plan que están a executar grazas a DeseñaPeme con base na identidade corporativa, a estratexia de marca e o deseño de servizo e que lles está a permitir mellorar as súas relacións coa clientela e desenvolver branding específico para cada unha das súas liñas de servizo.

Fonte: Axencia Galega de Innovación. Innova con Deseño Galego

Axenda