Desde hoxe e até o vindeiro sábado 29 de xuño, unha representación da EASDMM participa na 5ª Residencia de Creadores e creadoras emerxentes – Encontros de Mariñán.
Os estudantes de Técnicas Escultóricas Zeltia Martínez Novais, Khalid Benkaroum, Mónica Doldán Fernández e Luis Federico González acompañados polo seu docente Manuel Delgado-Gambino Rodríguez participarán durante toda a semán nas residencias artísticas que se celebran no Pazo de Mariñán (Bergondo) da Deputación da Coruña. A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e os conservatorios superiores de música da Coruña e Vigo, veñen organizando desde o ano 2018 unha serie de actividades que pretenden establecer sinerxías entre os distintos centros de formación artística superior en Galicia. No 2024 súmanse á iniciativa as escolas de arte de A Coruña, Santiago, Lugo e Ourense mais a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Vigo. Deste xeito, o encontro reúne estudantes das institucións formativas implicadas para, traballando de forma conxunta, desenvolver in situ proxectos creativos de índole interdisciplinaria.
Nesta edición, ano no que a RAGBA homenaxea ao escultor Francisco Asorey (FEFIÑÁNS, CAMBADOS, 1889 – SANTIAGO DE COMPOSTELA, 1961) e partindo da súa obra, proponse como eido de reflexión común, tránsito ou chegada dos procesos de creación, a temática: A PEDRA: TEMPO E MATERIA
Estamos desexosos de ver os resultados da residencia!
–
–
–
Imaxe: Presentación da 5ª residencia, a primeira hora da tarde no Pazo de Mariñán.