O pasado mes de xuño un grupo multidisciplinar de profesorado da EASD Mestre Mateo realizou unha mobilidade Erasmus+ organizada polo Consorcio de Artes, na University of Arts of Tirana (Albania). Esta universidade, que xurdiu en 1966, acolle na actualidade xunto ao Conservatorio Estatal de Tirana e a Escola Superior de Actores “Aleksander Moisiu”, a Escola Superior de Belas Artes, destino prioritario da viaxe.
Durante a estadía o profesorado da Mestre Mateo puido coñecer as instalacións e organización da Escola Superior de Belas Artes, dar a coñecer a nosa Escola e oferta formativa entre o alumnado e profesorado albanés, compartir experiencias con algúns dos docentes do centro albano, e coñecer a cultura albanesa. Como colofón final, o último día o profesorado tivo a oportunidade de asistir á inauguración da exposición final de curso dos traballos do alumnado albanés, e observar máis de preto o seu traballo.