INTERNACIONALIZACIÓN E FORMACIÓN DO PROFESORADO | A EASD Mestre Mateo explica a súa experiencia na xestión de proxectos Erasmus

26 10 2024 | Novas

Os pasados 24 e 25 de outubro tiveron lugar a 3ª edición das Xornadas das Ensinanzas de Réxime Especial “Oportunidades de internacionalización nas ensinanzas de réxime especial”, destinadas á formación do profesorado.

Durante as xornadas, ás que tamén asistiu profesorado da EASD Mestre Mateo, a nosa escola estivo representada a través da mesa redonda “O día a día na xestión dos proxectos internacionais”. O noso exalumno do Grao en Deseño de Moda Brais Albor Rodríguez e a nosa vicedirectora Elisa González Penas, acompañados pola coordinadora de Programas Internacionais da EASD Ramón Falcón, María Vázquez López, conversaron sobre “O día a día na xestión dos proxectos internacionais” nunha mesa moderada por Irene Gago Pesado, asesora de artes plásticas, deseño, conservación e restauración de bens culturais da Dirección Xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia.

Durante a charla realizouse un repaso pola actividade principal das Oficinas Erasmus das respectivas escolas de Santiago e Lugo, e explicáronse os beneficios que supón a internacionalización para a comunidade educativa das escolas de arte e superiores de deseño en Galicia. Como colofón final, o exalumno e deseñador Brais Albor explicou a súa traxectoria e o decisivo papel que tivo a súa participación en programas Erasmus+.

Axenda