Resolución do concurso para a creación do pano institucional inspirado no Mapa de Fontán

17 11 2026 | Uncategorized

O xurado seleccionou o deseño de Antón Avilés López como proposta gañadora e outorgou unha mención especial ao traballo de Laila Tribki Castro. Produciranse 100 exemplares de cada un dos dous modelos, que se empregarán como agasallo institucional da Xunta de Galicia.

 

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo vén de facer público o fallo do xurado do concurso convocado entre o seu alumnado para deseñar un pano institucional inspirado no histórico Mapa de Fontán, peza fundamental da cartografía e da cultura galega.

Tras avaliar o rigor gráfico, a orixinalidade e a viabilidade técnica de estampación de todas as propostas presentadas, o xurado acordou conceder o Premio do certame a Antón Avilés López, estudante do Grao en Deseño de Produto, dotado con 400€. O xurado valorou especialmente a súa capacidade de síntese visual, o diálogo contemporáneo coa cartografía orixinal e a súa elegancia cromática.

Así mesmo, dada a excelente acollida da convocatoria e o elevado nivel técnico e conceptual dos traballos concorrentes, o xurado decidiu outorgar unha Mención Especial a Laila Tribki Castro, estudante de Deseño de Moda, xunto cunha dotación económica de 200€, polo seu coidado traballo de composición e reinterpretación gráfica do territorio.

 

Dous modelos como agasallo institucional da Xunta de Galicia

Ante a calidade artística de ámbalas dúas propostas e co fin de poñer en valor o talento emerxente que se forma nas ensinanzas artísticas públicas, acordouse incorporar os dous deseños para a súa produción. Deste xeito, ademais da tirada correspondente á obra gañadora, formalizarase a cesión de dereitos da proposta distinguida coa mención especial para realizar igualmente unha edición limitada de 100 exemplares de cada modelo.

As dúas creacións do alumnado da EASD Mestre Mateo pasarán a formar parte do catálogo de representación oficial e empregaranse como agasallo institucional da Xunta de Galicia en actos protocolarios, visitas oficiais e encontros culturais.

Desde o equipo directivo e o xurado queremos dar os parabéns ás persoas seleccionadas por este importante recoñecemento e agradecer a implicación e o nivel creativo de todo o alumnado participante.

Axenda