Xián Castro Deverell, estudante de Deseño de Produto. Mobilidade de estudos en Muthesius Kunsthochschule, Kiel (Alemaña). Curso 2025/26

10 04 2026 | Blog Erasmus

Son Xián Castro Deverell e durante a miña experiencia Erasmus estiven en Kiel (Alemaña), estudando Deseño Industrial na Muthesius Kunsthochschule.




Cheguei a Kiel a finais de setembro, con bo tempo e temperaturas agradables. Antes de comezar as clases tiven uns días libres que aproveitei para coñecer a cidade e os arredores. Kiel sitúase na costa norte

de Alemaña, no mar Báltico, e é unha cidade relativamente pequena, cunha poboación duns 250.000 habitantes. Pódese percorrer facilmente a pé, pero é especialmente cómoda para moverse en bicicleta, xa que conta con carrís bici moi ben resoltos. Despois de estar unhas semanas alí merquei unha bicicleta de segunda man a través da aplicación Kleinanzeigen (similar a Wallapop), e foi unha das mellores decisións que tomei durante a miña estancia.

Cando recibín a aceptación da universidade tamén me xestionaron o aloxamento, reservándome unha praza nunha residencia de estudantes, o que facilitou moito todo o proceso. Vivín nun piso compartido con catro estudantes máis, con boa convivencia e todo funcionando correctamente.

No ámbito académico, para acadar os 30 créditos necesarios, cursei cinco asignaturas e un curso extraescolar de alemán. As asignaturas son xeralmente de libre escolla e, de forma similar ao que ocorre aquí, adoita haber unha materia principal cun proxecto máis amplo e varias asignaturas complementarias.

No meu caso, a asignatura principal foi “Design Tomorrow”, na que traballamos nun proxecto en colaboración coa empresa alemá Dräger, que fabrica unha ampla gama de produtos relacionados coa seguridade e a saúde. O briefing chamábase Design to Cost e consistía en redeseñar un dos seus produtos para reducir o custo de produción. Co meu grupo decidimos traballar no redeseño dun casco de bombeiros. Foi un proxecto complexo pero moi interesante, no que recibimos feedback moi valioso por parte dos deseñadores da empresa, tanto durante o proceso como na presentación final, que realizamos nas instalacións de Dräger.

Outra das asignaturas que máis me gustou foi o “Short Project”, un proxecto intensivo en grupo que se desenvolvía nunha semana (catro días). Para este proxecto leváronnos a un vertedoiro, e a partir de pezas que escollésemos tiñamos que deseñar un produto que, unha vez construído, puidese desmontarse e devolver todos os compoñentes ao seu estado orixinal. No noso caso deseñamos unha pequena colección modular composta por unha mesiña de café e dúas lámpadas.

Para ambos proxectos foi moi valioso poder utilizar os talleres da universidade, que están moi ben equipados e ofrecen unha gran variedade de ferramentas e maquinaria. Ademais, o profesorado encargado dos talleres sempre está disposto a axudar e resolver dúbidas durante o desenvolvemento dos proxectos.

No meu tempo libre aproveitei para percorrer a cidade e os arredores en bicicleta, facer algunha visita a Hamburgo (que está aproximadamente a unha hora en tren) e algúns findes xoguei futsal con compañeirxs da uni. No último mes da miña estancia tamén estiven escalando, nun ximnasio de boulder que hai na cidade, e convertiuse nunha das miñas actividades favoritas.

Este semestre fóra foi unha experiencia moi positiva na que aprendín e medrei moito tanto a nivel persoal como profesional. Resultoume especialmente interesante ver como se aborda o deseño nun país como Alemaña, onde a educación está moi orientada cara ao práctico e onde percibin un nivel máis alto.

Kiel é unha cidade cómoda para vivir, tranquila e segura. Quizais a xente local é algo máis reservada do que estamos acostumados, pero en xeral son persoas amables e calmadas. O tempo durante setembro e outubro foi bastante bo, con moitos días de sol e temperaturas agradables. En novembro comezou o frío e, a partir das primeiras nevadas de decembro, tivemos neve con bastante frecuencia, algo que tamén foi bonito de experimentar.

Recomendaría esta experiencia Erasmus a calquera estudante que teña a oportunidade de realizala, e tamén recomendo a Muthesius Kunsthochschule de Kiel para estudantes de Deseño de Produto.