Hoxe conmemórase o Día Internacional en contra da Violencia de Xénero. Só no último ano foron máis de 40 as vítimas mortais en España por razóns de violencia contra as mulleres, unha cifra que ascende a preto de 1.300 mulleres contabilizadas desde o ano 2.003.
Na EASDMM somos conscientes do poder das artes, o deseño e a cultura para mover conciencias, e queremos aportar o noso graniño de area a través das aulas. Nesta liña, esta mañá a profesora Mercedes Vega presentou no salón de actos o proxecto «A luz», promovido desde a disciplina de Fotografía e moda do Grao en Deseño de Moda o curso pasado.
«A luz» trátase dun proxecto fotográfico que amosa o círculo da violencia de xénero desde os obxectivos do alumnado. Partindo da teoría de Leonore Walker os estudantes representan as tres fases do círculo da violencia de xénero: acumulación de tensión, agresión e arrepentimento.