O auditorio do CGAC acolleu esta semán as xa tradicionais Xornadas Apertura da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo, centradas nesta ocasión na sostibilidade.
O pasado xoves 24 de outubro a comunidade educativa da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo substituíu as súas tradicionais aulas no seu edificio de Virxe da Cerca, polo auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea. As xornadas desenvolvéronse durante toda a mañá e estiveron centradas na sostibilidade.
Durante as xornadas, alumnado e profesorado puidéronse achegar á sustentabilidade desde a ollada de diferentes profesionais e expertos na súa materia, desde o punto de vista das artes e o deseño:
Logo da presentación a cargo do director da escola, o encargado de abrir o ciclo de relatorios foi o fotoxornalista e documentalista Brais Lorenzo. O fotógrafo compaxina o fotoxornalismo con traballos documentais; colaborador habitual de Bloomberg, Anadolu e a Agencia EFE, traballou para algúns dos medios e axencias máis recoñecidos, ademais de colaborar con organizacións como Greenpeace ou WWF. Brais Lorenzo abordou o problema do abandono do rural a través do proxecto xornalístico “Habitar o baleiro”, así como o gran poder transformador da imaxe. Por medio de imaxes, infografías, textos, vídeos e audios, este proxecto pon o foco “nos proxectos e as problemáticas vencelladas á contorna rurar: a sustentabilidade, a vida no campo e o traballo das cooperativas agroalimentarias; mais tamén a vellez, a soidade e a desasistencia, a convivencia cos parques eólicos ou o impacto dos fenómenos climáticos moitas veces asociados ao despoboamento, como a seca e os incendios forestais”.
A continuación Gema Neira, CEO de Cholita, falounos de ecodeseño a partir da reciclaxe. Cholita é unha marca de produtos reciclados a partir de redes de pesca que xa non se utilizan e que gañan unha segunda vida en forma de bolsos, complementos, mobiliario urbano… Trátase dun proxecto de economía circular para dar valor e dotar de persoalidade a estas redes, fomentando un mundo onde a reutilización cobre protagonismo.
As segunda parte da xornada centrouse no potencial do deseño para favorecer a diferenciación, a funcionalidade, a experiencia de usuario, a sostibilidade e a accesibilidade.
Manuel Polanco, en representación do Colectivo Basurama, puxo o foco no lixo e na súa reutilización. Basurama é un colectivo dedicado á investigación, creación e produción cultural e medioambiental. Trátase dun espazo pluridisciplinar no que se desenvolven actividades dispares pero cun enfoque común. Para Basurama é preciso romper co estatus dos obxectos do lixo e mudar a mirada. Con esta filosofía, o que fai este colectivo é reutilizar, darlle un uso distinto ao obxecto. Para Basurama é ese novo uso o que lle confire un novo sifnificado ao obxecto: reutilizar é resignificar. Para elo traballan con outros colectivos, de xeito que detrás dos seus proxectos sempre hai unha comunidade que busca un beneficio mutuo.
O encargado de pechar a sesión foi o artista Mauro Trastoy, Premio Isaac Díaz Pardo de Artes Plásticas 2019, quen falou do seu traballo creativo. A súa obra forma parte de coleccións de arte contemporánea como a colección CGAC, Norte de Cantabria ou Litonor, entre outras. O seu traballo oscila entre a obra plástica e obxectos artesanais, traballando a partir do xesto e da repetición. O resultado do seu proceso creativo materialízase na comercialización de lámpadas e traballos relacionados co téxtil.
Durante toda a xornada a relatora visual Adela VV, encargouse de deixar rexistro do contido do evento nun memograma realizado ao longo de toda a mañá:
- Benvida e presentación. Memograma: Adela VV.
- Brais Lorenzo, fotoxornalista e documentalista: “Habitar o baleiro”. Memograma: Adela VV.
- Gema Neira, CEO de Cholita. Memograma: Adela VV.
- Manuel Pacheco, do colectivo Basurama. Memograma: Adela VV.
- Mauro Trastoy, artista e deseñador. Memograma: Adela VV.
As xornadas Apertura EASD Mestre Mateo, organizadas pola escola de arte e superior de deseño santiaguesa en colaboración coa Fundación DIDAC, enmárcanse no Programa de Deseño para a Innovación e a Sustentabilidade 2024 – DIFERENZA, da Axencia Galega de innovación. Esta acción sitúase en liña co obxectivo de crear unha cultura do deseño e os procesos creativos elevando a súa percepción e as súas posibilidades, contribuíndo a crear a nova xeración de talento galego e potenciando a formación estratéxica dos profesionais creativos ao favorecer a súa especialización na medida das esixencias do mercado e as súas esixencias ou preocupacións actuais.