Historia
1888
A Escola de Artes e Oficios de Santiago abriu as súas portas o 19 de febreiro no edificio San Clemente (actual Instituto Rosalía de Castro). A inauguración foi presidida por Eugenio Montero Ríos, gran mentor do proxecto de creación da Escola.
1889
D. Ramón-María del Valle-Inclán matricúlase na materia de Debuxo de Adorno e Figura. Non podemos asegurar que fose moi bo estudante.
1909
Celebración da Exposición Rexional Galega destinada a “demostrar o grao de adiantamento da industria, do comercio e as artes”. Nesta exposición varios profesores da Escola obterían premios e medallas. Esta peza consérvase hoxe en día, está exposta na Escola no andar 2.
1929
Exposición Iberoamericana de Sevilla. Concédeselle á Escola o Diploma de Honra polo conxunto da súa achega artística. Esta peza tamén se pode ver no andar 2 da Escola.
1935
Francisco Asorey, un dos artistas galegos máis recoñecidos e ao que se lle dedicou o Día das Artes en 2024, ocupa a praza do “Taller de labra e talla en Pedra” como profesor da EASD Mestre Mateo.
1946
Realizouse o traslado ao edificio San Agustín, no que ocupaba soamente os andares baixo e primeiro (hoxe ocupa os cinco andares). O estado das instalacións era moi malo.
1958
Abordouse un plan de acondicionamento de todo o edificio.
1963
Entre a década de 1910 e a de 1960 non se variaron os plans de estudos. No 63 promulgouse unha nova lei Reguladora dos estudos nas Escolas de Artes Aplicadas e Oficios Artísticos, que entre outras implantou a posibilidade de obter un título da especialidade cursada.
A Escola de Santiago empezou a impartir dende entón as especialidades de Decoración e Arte Publicitaria; Deseño, Delineación e Trazado Artístico, e a de Talleres de Artes Aplicadas ou Oficios Artísticos.
1978
Realizouse un proxecto de ampliación e reforma no que se engadiu un novo corpo facendo L co antigo e que creou unha praza na parte posterior do centro, tal como se conserva hoxe: a Praza do Irmán Gómez.
1992
Implántanse os ciclos formativos de grao superior.
2005
Implántanse os novos Estudos Superiores de Deseño, e que en conxunto achegan a última denominación ao centro, Escola de Arte e Superior de Deseño.
Para máis información pode consultarse o libro Historia de la Escuela de Artes y Oficios de Santiago de Compostela de José Sousa e Fernando Pereira (Deputación da Coruña, 1988), de onde proveñen as fotografías desta páxina web.