A EASD Mestre Mateo celebra este xoves a Gala Despunte 2026: o gran desfile de moda e a entrega de premios ao talento emerxente 

3 03 2026 | Novas

 Será no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura ás 18:30h 

  • 700 persoas entre convidados e representantes do tecido empresarial, representantes institucionais e a comunidade educativa daranse cita no Gaiás 
  • Desfilarán mais de 30 coleccións creadas polo alumnado das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda do centro público compostelán 

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo (EASDMM) celebra este xoves, ás 18:30 horas, o evento central da edición 2026 de Despunte no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura. O desfile das coleccións de moda do alumnado é o gran protagonista do evento, e servirá de marco para a entrega de galardóns de todas as disciplinas impartidas no centro. 

A gala principal, á que se accede mediante convite e que se emitirá en streaming a través da canle de YouTube da escola, reunirá a unhas 700 persoas. O tecido empresarial, profesionais do deseño, representantes institucionais e a comunidade educativa daranse cita para presenciar a posta en escena de máis de 30 coleccións creadas polo alumnado das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda. 

Recoñecemento á excelencia e ao talento 

Durante o evento no Gaiás, presentado por Rocío R. Padín, levarase a cabo a entrega dos galardóns que recoñecen a calidade dos proxectos finais de todas as especialidades grazas ao apoio de entidades e empresas patrocinadoras. Como novidade destacada nesta edición, os galardóns dos Premios Despunte —os grandes protagonistas da xornada— materializaranse por primeira vez nun trofeo físico elaborado íntegramente polo alumnado do Ciclo Formativo de Grao Superior de Técnicas Escultóricas da propia escola. 

  • Premios Despunte aos Mellores Traballos Fin de Estudos dos Graos en Deseño (1.500€ cada un): Na especialidade de Deseño de Moda (patrocinado por Euro Prosem), e na especialidade de Deseño de Produto (patrocinado por Signus Ecovalor). 
  • Premios Despunte aos Mellores Proxectos Finais dos Ciclos Superiores de Artes Plásticas e Deseño (500€ cada un): Nas especialidades de Fotografía (patrocinado por González Almacén), Técnicas Escultóricas (patrocinado por Paudepedra) e Xoiaría Artística (patrocinado por Ourives de Compostela). 
  • Premio Fusión Artesanía e Moda (1.500€): Á mellor colección que integra a artesanía na moda, patrocinado por Artesanía de Galicia. 
  • Premio de Deseño Circular (500€): Ao mellor proxecto realizado con pneumático reciclado, patrocinado por Signus Ecovalor. 
  • Premio Miscelánea (500€): Á mellor colección de moda de 3o curso, patrocinado por Digipress Iberica. 
  • Premio “A Lingua: Arte da túa Terra” (200€): Patrocinado polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega da EASD Mestre Mateo (Galteo). 

Sinerxías co sector profesional e institucións colaboradoras 

Durante a mañá do xoves, o evento servirá como punto de encontro para xornadas de recrutamento de talento por parte de destacadas marcas do sector téxtil como Bimba y Lola, Adolfo Domínguez, Textil Lonia, El Pulpo, Pull&Bear e Zara, consolidando o vencello entre as ensinanzas artísticas e o mundo profesional. 

A organización desta edición é posible grazas ao apoio de diversas entidades e profesionais colaboradores, entre os que destacan a Consellería de Educación; a Fundación Cidade da Cultura, pola cesión do espazo para a gala; a Fundación Eugenio Granell, pola cesión do espazo para a exposición; e o IES Lamas de Abade, que se encarga do peiteado e maquillaxe das modelos e da condutora da gala, Rocío R. Padín. 

Finalmente, cómpre subliñar que o motor deste evento é o propio corpo estudantil do centro. O alumnado das Ensinanzas Artísticas Profesionais de Fotografía é o encargado de realizar a cobertura íntegra do evento, mentres que as e os estudantes dos primeiros cursos das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Moda colaboran como persoal de apoio (staff) en tarefas esenciais de loxística, backstage e acomodación (seating). 

O escaparate completo: exposición e proxección internacional 

Visibilizar o traballo do alumnado é un dos grandes obxectivos desta cita xa consolidada no calendario galego. Mentres que a xornada do xoves centrarase na pasarela e nos premios, o traballo das demais disciplinas xa se pode visitar na Fundación Eugenio Granell (Praza do Toural, Santiago). Desde o pasado 26 de marzo, a Exposición Despunte alberga os cinco mellores proxectos finais das Ensinanzas Artísticas Superiores de Deseño de Produto e das Ensinanzas Artísticas Profesionais de Fotografía, Técnicas Escultóricas e Xoiaría Artística, servindo de escaparate aberto ao público xeral. 

A presente edición destaca tamén pola súa marcada proxección internacional. A gala coincide coa celebración dunha staff week do programa Erasmus, que trae ao centro a persoal docente procedente de institucións educativas do eido da artesanía, as artes e o deseño de Bosnia e Turquía. Así mesmo, a pasarela contará coa participación da colección convidada “Flay”, obra da deseñadora Alice Vitali, da Academy of Fine Arts of Macerata (Italia). 

Axenda