INNOVART’23 | A EASDMM estará presente o 13 e 14 de abril na I Feira de Ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas en Galicia

9 04 2023 | Novas

Os vindeiros xoves 13 e venres 14 de abril a EASD Mestre Mateo estará presente na I Feira de Ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas de Galicia.

A Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo estará presente a través de diferentes obradoiros, charlas e actividades expositivas organizadas desde as distintas ensinanzas impartidas no centro: Ciclos Formativos de Grao Superior en Artes Plásticas e Deseño en Fotografía, en Técnicas Escultóricas ou en Xoiaría Artística; e Títulos de Grao en Ensinanzas Artísticas Superiores en Deseño de Moda e en Deseño de Produto.

As persoas asistentes poderán participar de forma activa nos obradoiros, asistir ás charlas sobre a oferta formativa da Escola ou simplemente visitar a feira e formular as consultas e dúbidas que lles poidan xurdir en torno ao centro e a formación que se imparte.

Descarga a programación no Portal Educativo da Xunta de Galicia.

A primeira feira de Ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas en Galicia abrirá o xoves no Gaiás

A primeira feira de Ensinanzas Artísticas en Galicia, InnovArt, abrirá as súas portas na Cidade da Cultura os vindeiros días 13 e 14. Trátase dunha iniciativa para fomentar entre o alumnado as ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas que se ofrecen en Galicia coa exposición de material e actividades interactivas como obradoiros, concertos de música ao vivo e conferencias.

A cita contará cunha vintena de espazos nos que 550 alumnos de 23 centros da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, e case 200 profesores exhibirán o seu potencial académico ao tempo que ofrecen asesoramento aos futuros estudantes. Ademais de organizar actividades para os centros xa inscritos, InnovArt estará aberta con entrada gratuíta para o público en xeral no horario de tarde durante os dous días.

No recinto estarán representados no ámbito das ensinanzas artísticas a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia en Vigo, as catro escolas de arte e superiores de deseño (a Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña, a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense e a Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela) a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia de Pontevedra e o Conservatorio Profesional de Danza de Lugo.

Ademais, tamén estarán presentes os sete conservatorios profesionais de música (Conservatorio Profesional de Música da Coruña, Conservatorio Profesional de Música Xan Viaño de Ferrol, Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo, Conservatorio Profesional de Música de Ourense, Conservatorio Profesional de Música Manuel Quiroga de Pontevedra, Conservatorio Profesional de Música de Santiago de Compostela e Conservatorio Profesional de Música de Vigo) e os dous conservatorios superiores de música: o Conservatorio Superior de Música da Coruña e o Conservatorio Superior de Música de Vigo.

A feira tamén contará coa participación de catro escolas oficiais de idiomas: EOI da Coruña, EOI de Lugo, EOI de Santiago de Compostela e EOI de Vigo. No campo das ensinanzas deportivas, participarán nesta cita tres centros con ensinanzas deportivas da Consellería de Educación: CIFP Universidade Laboral (Culleredo), CIFP A Farixa (Ourense) e CIFP Fontecarmoa (Vilagarcía de Arousa).

Programa das xornadas

No seu conxunto, InnovArt 2023: artísticas, idiomas e deportivas ofrecerá máis de 200 actividades diarias entre obradoiros interactivos, sets de fotografía, talleres de animación, actuacións de danza, concertos, formacións e actividades deportivas.

A programación, que pode consultarse no Portal Educativo, arrancará o xoves día 13 cunha vintena de actividades simultáneas e estenderase ata o venres 14, cando a feira pechará as súas portas ás 19,00 horas.

 

Fonte: Xunta de Galicia. (Dom, 09/04/2023 – 10:00). A primeira feira de Ensinanzas artísticas, de idiomas e deportivas en Galicia abrirá o xoves no Gaiás. Portal Educativo. https://www.edu.xunta.gal/portal/node/39556

Axenda