O alumnado da EASD Mestre Mateo crea unha escultura de Valle-Inclán para o histórico Café Casino

14 04 2026 | Novas

Santiago de Compostela, 14 de abril de 2026

O Café Casino de Santiago acolleu hoxe ás 12:00 horas o acto de inauguración dunha escultura adicada a Ramón María del Valle-Inclán. A peza foi realizada por alumnado das especialidades de escultura e modelado da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo da cidade, e quedará colocada de xeito permanente no histórico café compostelán. Na inauguración estiveron presentes María Rozas, Primeira Tenente Alcalde do Concello de Santiago; Rubén Vázquez Rodríguez, Subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente, Ensinanzas Artísticas, Idiomas e Deportivas; Juan Adrio, Director da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo; Miguel Ángel Vigo e Óscar Aldonza, Profesores da Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo; e José Antonio Codesido Riveiro, Xerente do Café Casino de Santiago. Así mesmo asistiron representantes do Concello de Santiago e da sociedade compostelana, así como os estudantes que participaron no deseño e elaboración da peza escultórica. O acto foi conducido polo xestor e investigador cultural Fernando Franjo e contou coa participación do guía e actor Suso Martínez, protagonista das visitas teatralizadas ao Café Casino.

Durante a inauguración deuse a coñecer o proceso creativo da obra, un busto do escritor galego, desenvolvido no ámbito docente da EASDMM, pola que tamén pasou no seu día o célebre dramaturgo. Durante o acto de inauguración déronse a coñecer todos os detalles do proceso creativo desenvolvido nas nosas aulasEsta peza é o resultado do excepcional traballo do alumnado das especialidades de escultura e modelado da nosa escola. O proxecto permitiu aos nosos estudantes realizar un labor transversal e de investigación sobre a anatomía do rostro humano, explorando ademais diversas técnicas de esmaltado e policromía ata a súa fin. Todo este proceso creativo estivo en todo momento coordinado e baixo a supervisión do cadro docente da escola.

A obra escultórica está instalada de xeito permanente nas instalacións deste café compostelán, un lugar que Valle-Inclán visitaba de forma asidua e que serviu de espazo de encontro, conversa e inspiración na súa vida na cidade. A peza rende así homenaxe á súa vinculación coa institución e á pegada cultural e literaria que o autor deixou na capital galega.

Valle-Inclán é unha das figuras máis universais da literatura galega e española, representante dun tempo no que a cultura se construía desde a palabra compartida, o debate intelectual e a experiencia colectiva. O seu universo vital e literario desenvolveuse, en boa medida, en espazos como os cafés, entendidos non só como lugares de encontro, senón como auténticos centros de creación, reflexión e provocación artística. Neste sentido, o Café do Casino de Santiago constitúe un escenario plenamente valleinclanesco. Historicamente, foi un lugar de tertulia, de intercambio de ideas e de sociabilidade ilustrada, no que convivían a cultura, a política e a vida social. Un espazo, en definitiva, onde a palabra adquiría valor e onde o pensamento se facía público. A instalación dunha escultura de Valle-Inclán neste contexto non introduce unha figura allea, senón que revela e fai visible unha relación xa existente. O escritor encarna o espírito dunha época —a do modernismo e a transformación cultural de finais do século XIX e comezos do XX— que tamén forma parte da historia do propio Casino. Ademais, esta presenza escultórica contribúe a activar o espazo desde unha perspectiva contemporánea, convertendo o Café nun lugar onde a memoria dialoga co presente. Non se trata dun monumento afastado, senón dunha figura que habita o espazo, que convida á conversa, á lectura e á reflexión, en plena continuidade co significado orixinal destes lugares. Pola súa parte, a elaboración da obra por parte das novas xeracións da Escola Mestre Mateo, centro polo que tamén transitou como estudante  Valle-Inclán, vén a completar o sentido global da obra.

Así, a escultura de Valle-Inclán no Café do Casino de Santiago constitúe non só unha homenaxe, senón unha reafirmación do carácter cultural do espazo. Unha maneira de lembrar que a identidade dun lugar constrúese tamén a través das figuras que o habitan simbolicamente e das ideas que nel continúan a circular.

Desde a EASD Mestre Mateo convidamos a toda a nosa comunidade educativa a visitar a obra e apoiar e poñer en valor o talento das nosas creadoras e creadores.

Imaxes cedidas polo Café Casino.

Axenda